As medidas preventivas e educacionais revisten unha importancia vital na loita para a erradicación do grave problema da violencia de xénero, aínda que pola súa natureza non dan resultados a curto prazo, senón máis ben a medio e longo prazo. O I Congreso Nacional "A violencia impide a igualdade", nun dos puntos das súas conclusións, cualificaba as medidas preventivas como o camiño idóneo para eliminala violencia de xénero.
Dende esta perspectiva, neste primeiro apartado do Plano de Acción contra a Violencia de Xénero en Galicia inclúense todas aquelas actuacións dirixidas a extinguilo nivel de tolerancia cero respecto á violencia de xénero, e a transmitir, en tódolos ámbitos da sociedade, o valor da "non violencia", o valor da "igualdade", do "respecto", da "tolerancia", da "convivencia", e da "non discriminación por razón do sexo", como método para previla existencia de situacións de violencia cara as mulleres e nenas, tanto no ámbito privado como no seu contorno social (violacións, abusos sexuais, acoso e intimidación sexual no traballo, nas institucións educativas e noutros ámbitos, ou a prostitución).
As actuacións previstas se articulan arredor das seguintes áreas: sensibilización, medios de comunicación, educación, formación de profesionais, e investigación.